As Nosas Orixes
Hai xa máis dunha década que botaron a andar as Escolas Deportivas Municipais. Todas aquelas persoas que se sumaron á súa organización tiñan clara a aposta pola unión de deporte e cultura. Durante un tempo, as Escolas Municipais de Fútbol foron xestionadas pola Anpa A Faxarda, sempre cun espírito aberto a todo o pobo, e non circunscrito exclusivamente ao Ceip Gregorio Sanz. Co paso dos anos, esa semente dou o seu froito. No caso do fútbol, e tras un aumento considerábel da demanda por parte dos pais e das nais, acabouse constituíndo a Sociedade Deportiva Ribadeo, que é a que agora xestiona as Escolas Municipais de Fútbol.
Calquera pobo que se prece debe medir o seu esforzo en prestación de servizos. Riqueza material sen valores culturais, tan só pode dar lugar a máis riqueza, que acaba perdendo o sentido, pois acumular porque si non aporta benestar, nin felicidade. Agora ben, tamén hai que saber xestionar os recursos públicos, que son poucos. E hai que facelo con esforzo, con ilusión. Para que cando nos dispoñamos a demandar máis apoio das institucións públicas (e privadas tamén) teñamos a lexitimidade do empeño posto día a día.
E a actividade deportiva ten que ser, ante todo, integradora. Non estamos intentando crear xogadores profesionais, que só pensan en competir, nin nada que o pareza. Queremos formar rapaces e rapazas que aprendan a convivir, a sacrificarse, a disfrutar do deporte e do compañeirismo. Queremos que os nosos pícaros, nenos e nenas, saiban o que é correr ata o último momento para tentar chegar preto da meta contraria e, en vez de obcecarse querendo marcar o gol, teñan os reflexos suficientes de ver a un compañeiro ou compañeira que estea en mellor posición para poñer fin á xogada. Se son quen de actuar así estarán preparados para unha materia moi importante nos tempos que nos toca vivir: saber traballar en equipo.
Cando antes destacabamos a palabra rapazas tiñamos a clara intención de facer un chamamento para romper tópicos. No fútbol pódese aprender a ser persoa, con capacidade de esforzo e con capacidade tamén de xenerosidade e compañeirismo. Os nosos nenos non van acabar sendo todos uns brutos e rexos que só saiban xutar con forza ata romper o traveseiro. Nin tampouco as rapazas que queiran participar nas Escolas Municipais de Fútbol teñen por qué perder sensibilidade nin feminidade por practicar este deporte. É mais, ao igual que cando practican outra actividade deportiva, fórmanse como persoas que tanto poden ter a delicadeza de pensar nos demais (ao verse xogando nun equipo) como ter a capacidade suficiente de saber repoñerse ante unha adversidade por ser quen de enfrontarse cun rival que marcar e sacarlle o balón para que non meta gol, ou saber driblar aos contrarios para conseguir marcar un tanto para o seu equipo.
As nosas orixes:
As Escolas Municipais de Fútbol.